Que é unha estratexia de desenvolvemento urbano sostible?

As cidades son concentracións espaciais de actividades e interaccións humanas. Constitúen os motores da economía europea, xa que proporcionan traballos e servizos, e actúan como catalizadores da creatividade e a innovación en toda a UE. Preto do 70 % da poboación da UE vive en zonas urbanas, as cales xeran máis de dous terzos do PIB da UE. Non obstante, tamén son os lugares onde se concentran problemas persistentes, como o desemprego, a segregación e a pobreza, ademais das presións ambientais máis intensas. Por conseguinte, as políticas emprendidas en relación coas áreas urbanas teñen unha grande importancia para a UE no seu conxunto. Cada vez é máis evidente que os distintos retos aos que se enfrontan as zonas urbanas -económicos, ambientais, climáticos, sociais e demográficos- están interrelacionados e o éxito do desenvolvemento urbano só pode lograrse a través dun enfoque integrado. De aí que as medidas que atinxen á renovación física das cidades deban combinarse con medidas que promovan a educación, o desenvolvemento económico, a inclusión social e a protección do medio. O desenvolvemento dunha sólida cooperación entre os cidadáns locais, a sociedade civil, a economía local e os diversos estamentos gobernamentais constitúe un elemento indispensable. A combinación das capacidades e o coñecemento local é esencial para identificar solucións compartidas e lograr resultados sostibles e debidamente recoñecidos. Este enfoque resulta especialmente importante neste momento, dada a gravidade dos retos aos que se enfrontan actualmente as cidades europeas. Estes retos abranguen dende cambios demográficos concretos ata as consecuencias do estancamento económico en termos de creación de emprego e oferta de servizos, pasando polo impacto do cambio climático. A identificación de respostas eficaces a estes retos será crucial para lograr a sociedade intelixente, sostible e integradora prevista na Estratexia Europa 2020.

O novo Período de Financiamento Europeo 2014-2020 supón unha oportunidade para as Administracións públicas e, por extensión para o conxunto dos cidadáns, que é preciso xestionar de maneira axeitada. Ábrense novas vías de financiamento e as cidades (concellos, entidades locais) poderán acceder a fondos para consolidar ou poñer en marcha iniciativas que apuntalen o desenvolvemento dos seus territorios. Non obstante, o proceso presenta retos que é necesario abordar cos coñecementos e as ferramentas necesarias. Neste contexto, cobra especial relevancia o desenvolvemento urbano sostible integrado, xa que se configura como un ámbito prioritario para a Comisión Europea pola súa capacidade para impulsar o desenvolvemento dos territorios dende unha perspectiva sostible, equilibrada e holística. As cidades configúranse neste novo período de programación estrutural como un destino prioritario das políticas da Unión Europea.

Granxa de Briz